8/25/2014

AGUSTÍN FERNANDEZ PAZ

Para poñer punto final ao verán que mellor que ler A VIAXE DE GAGARIN (preme para ir ao blogue do libro). Despois dun día apaixonante no Courel os meus ósos deron coa feira do libro de Monforte e como ía acompañada dunha persoíña que tiña moitas ganas de lelo, pensei por que non o merco para agasallalo no seu aniversario?

Teño que confesar que non vou aguantar para darlle o agasallo. Tampouco aguantei sen o ler. Aínda que pensei que Agustín toleara (" mira que  escribir cousas de astronautas") deixeime levar polo consello da libreira, “está moi ben”. Mais tamén me guiou a fraqueza cara a prosa do escritor. Pronto unha lapela que me parecía rara, pola foto, me deixou ao descuberto a alma do libro na que se agochaba o pouso da paixón do meu contador.

Outra vez a prosa engaiola a quen le. A historia do Miguel que medra no seo dunha familia que aparenta non ser do Partido Comunista (con ideais claros, con personalidade, intelixentes… vaia!) para non ser diferentes. Pero a fin da ditadura non foi diferente ao comezo e cada vez máis aproxímase a certos camiños da vida actual.  Igual ca os “rojos” como lles chamaban á familia de Miguel unha vez descuberta a estreita relación cos ideais do partido ao que estaban afiliados, vía hoxe no telexornal a carga policial contra un grupo de manifestantes en Santiago de Compostela. Uns e outros non están para nada de acordo coa dirección do mundo no que viven, que teima en afogarnos e silenciarnos. 

Vaia: “UNHA ESPLÉNDIDA DESOLACIÓN” : Buzz Aldrin

En nada, quedaranos, coma o Camarada Holmes, botarnos á clandestinidade para defender o noso país se non queremos ser sinalados e xulgados -hahahaha- Ou mellor aínda, aluar coma os astronautas. Dalgún xeito todos fuximos unha, outra e outra vez cara o universo exterior, sen lobos doentes, que buscan carnes novas coas que alimentarse. No entanto, de nada serve, como descobre Miguel na súa madurez, refuxiarse nun mundo sen compromisos, sen amor, sen paixóns, baleiro E SEN VIDA… onde só hai diñeiro, porque iso  non é vivir. Que llo digan a el, que coa perda de Francesca mergullouse  nese mundo gris e deixouse levar coma os máis!!!

Outras riquezas son as que se agochan no fondo de lecturas coma as de Agustín, que sempre che descobren outras lecturas, música, ou simplemente algún dato da historia que viviron as personaxes das súas historias: “UN LIBRO É UNHA ARMA CARGADA”. Non cabe dúbida. Sempre teño unha teima que me converte nunha “profe rara” segundo o meu alumnado. Insisto en que indaguen e consulten cada dato que lles chamou a atención ao rematar de ler, que reflexionen un chisco no porqué das cousas que citan os escritores, xa que normalmente non hai puntada sen fío!!

Grazas unha vez máis por facer da lectura unha illa perfecta na que refuxiarse. Aínda que os personaxes decubran momentos acedos da nosa histoira, Agustín sempre adoza esa historia cunha forma de contar e con motivos entrañables para quen le.

Ningún comentario:

Publicar un comentario